Fraga de Menáncaro: Formación Senlleira
Alegacións ao o Proxecto Normativo que regulará o Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras, sometido a información e audiencia pública, mediante a Resolución do 11 de Xullo de 2006, da Dirección Xeral da Conservación da Natureza [publicado no DOG nº 143 do 26 de Xullo de 2006]

sexta-feira, setembro 08, 2006

Alegacións ao o Proxecto Normativo que regulará o Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras

Á DIRECCIÓN XERAL DA CONSERVACIÓN DA NATUREZA

Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel

Santiago de Compostela

Referencia: Apresentación de alegacións ao proxecto de Decreto que regulará o Catálogo galego de árbores e formacións senlleiras.


Manuela DÍAZ PÉREZ, veciña de Ferrol, con DNI Nº 32603259-T, con enderezo no nº 180 do lugar de Quiá-Serantes [15405], telefono 981327494, correo-e: menancaro@gmail.com, en representación propia e da Comunidade Menáncaro [http://menancaro.blogspot.com], organismo de participación cidadán integrado polas entidades: Asociación Cultural Os Picos do Sol, ADEGA - Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, SGHN - Sociedade Galega de Historia Natural, Fundaçom Artábria e o Colectivo Veciñal de Menáncaro, ao amparo do disposto na lexislación vixente, e como mellor en dereito proceda, ante esa Dirección Xeral, comparece e DI:

Que mediante este escrito apresenta ALEGACIÓNS ao o Proxecto normativo que regulará o Catálogo Galego de Árbores e Formacións senlleiras, sometido a información e audiencia pública, mediante a Resolución do 11 de Xullo de 2006, desa Dirección Xeral [publicado no DOG nº 143 do 26 de Xullo de 2006].

Que o obxectivo das ALEGACIÓNS é a inclusión no ANEXO II do Proxecto, onde se relacionan as Formacións Senlleiras, da denominada Fraga de Menáncaro [ou Carvalleira de Menáncaro], situada na parroquia de Serantes do Concello de Ferrol.

Que estas alegacións veñen motivadas por considerar a zona, merecedora de normas protectoras específicas, dado o seu interese natural, didáctico, científico, cultural, paisaxístico e ecolóxico do conxunto do habitat natural e dalgunhas das árbores e espécimes da flora existentes na Fraga, xa que constitúe un patrimonio natural e cultural valioso, de interese público, e unha das escasísimas e reducidísimas mostras de bosque autóctono existentes no Concello de Ferrol, irrecuperábel no caso da súa destrución ou desaparición.

Que na actualidade, esta carvalleira está ameazada por mor da especulación urbanística, coa construcción dunha urbanización de chalets no lugar, paralizada na actualidade por unha resolución [informe previo á autorización] da Dirección Xeral de Urbanismo, do 7 de Febreiro de 2006, nº de saída 112 [Expediente: 101A – 05/041].

Que para apoiar as ALEGACIÓNS, achega en forma de ANEXOS a este escrito a seguinte documentación, catro anexos en soporte de papel, sendo un deles unha reportaxen fotográfica que se pode ampliar acedendo ao blog da Comunidade Menáncaro [ http://menancaro.blogspot.com ] e un quinto en soporte informático e forma de audiovisual que a continuación se relacionan:

ANEXO -I- Informe sobre a flora e vexetación da Fraga de Menáncaro, Serantes (Ferrol, A Coruña), do profesor e biologo Jaime Fagúndez, Biólogo n° colegiado 19028-X Outubro de 2005 .

ANEXO -II- Neste anexo apresenta o Informe da Sociedade Galega de Historia Natural sobre a Fraga de Menáncaro, acompañado das Alegacións ao “Plan de Sectorización de Menáncaro” que no seu día se apresentaron para rexeitar un plano urbanizador que puña en perigo a existencia do espazo natural.

ANEXO -III- Situación, accesos e propiedade.

ANEXO -IV- Reportaxen fotográfica da Fraga de Menáncaro, de varias persoas integrantes das entidades que conforman a Comunidade Menáncaro.

ANEXO -V- Filme realizado pola SGHN e ADEGA, onde se pode apreciar a imensidade e o valor da fraga no seu conxunto. Filme realizado pouco despois de saberse que a Fraga de Menáncaro estaba ameazada por unha posibél especulación urbanística.

ALEGACIÓNS

Primeira.- A Fraga de Menáncaro está situada no val do río Aneiros ou río da Sardiña, na parroquia de Serantes do concello de Ferrol, esta conforma un habitat natural de máis de 10 ha de superficie. A Fraga de Menáncaro é unha das poucas manchas de bosque autóctono que se conserva no concello, xunto coa Fraga de Monte Fontelo(A Graña), Fraga da Pega e da Casa do Monte(Leixa) e o Acivreiral das Forxas(Covas), espazos naturais que tamén se deberían conservar e protexer. Un dos feitos que fai de Menáncaro unha zona cunha carvalleira singular é a presencia de individuos centenarios de porte excepcional, base dun bosque maduro e de gran biodiversidade.

Segunda.- A Fraga é unha mostra de bosque potencial desenvolvido, prácticamente desaparecido noutras zonas de Ferrol. Un dos principais valores é a súa singularidade, dada a case ausencia de formacións de carvalleiras en Ferrol. O habitat natural de Menáncaro, a protexer, está formado por un bosque ripario que ocupa as marxes do río, unha zona da carvalleira que se imbrica coa aliseda riparia e zonas de prado húmido nas marxes do bosque ripario [Ver ANEXO -I- Informe sobre a flora e vexetación da Fraga de Menáncaro, do biólogo e profesor, Jaime Fagúndez].

Terceira.- Na Fraga de Menáncaro, há especies singulares e de grande valor, protexidas por normativas en vigor é únicas no contorno, destaca a presenza, no prado húmido, de Juncus foliosus, única localidade da provincia da Coruña. E "entre as especies de interese hai que destacar a presenza de Dryopteris guanchica, un felgo relicto do terciario con presenza en Galiza, Asturias, Algeciras, Sintra e Macaronesia. Está considerada como "vulnerable" no borrador do listado de flora ameazada da Xunta de Galicia [2]. Os narcisos Narcissus triandrus e N. bulbocodium están incluídos no listado sinalado como especies "de interese especial" e ambos están presentes na zona", segundo o mencionado profesor e bilólogo Jaime Fagúndez.

Polo exposto,

SOLICITA, que se dean por formuladas ALEGACIÓNS ao Proxecto de Decreto, polo que se regula o Catálogo Galego de Formacións e Árbores Senlleiras, que afectan ao ANEXO II do citado proxecto; admitindo, esa Dirección Xeral da Conservación da Natureza, as ALEGACIÓNS apresentadas e a súa documentación que se achega en catro anexos encuadernado todo nun único tomo, e resolvendo positivamente ao solicitado incluindo a Fraga de Menáncaro no Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras.

Agardando esa resposta afirmativa, despidese de Vostedes atentamente cun saúdo, en Ferrol a 27 de Agosto de 2006.

Saúde !

Asinado.-

Nenhum comentário: